Saturday 11 de May de 2024

Día histórico no municipio de Riveira coa exitosa e concorrida inauguración da exposición sobre O Santa Isabel


 

Ruiz Rivas anunciou a pretensión do concello de que a mostra quede con carácter permanente na Illa de Sálvora

A apertura da exposición “O Santa Isabel: Emigración, Traxedia, Heroísmo”, celebrada no Auditorio Municipal resultou ser un éxito acorde coa dimensión e trascendencia deste acontecemento: a mostra máis ambiciosa nunca organizada en Riveira, segundo coincidiron en resaltar tanto o alcalde Manuel Ruiz como a edil de Cultura e veciña de Aguiño, Elvira Pisos.

Centos de persoas quixeron asistir a esta ocasión histórica (cumpríanse cen anos exactos dende a posta da quilla ao barco), ata o punto de encherse por completo o patio de butacas do auditorio (case 300 asentos) durante a sesión inaugural que precedía á exhibición da mostra. Nela interviñeron a citada Elvira Pisos, a comisaria Pilar Casas e Manuel Ruiz.

Entre os asistentes, autoridades como o capitán marítimo de Vilagarcía (Manuel Martínez Calvo), o director do Parque Nacional das Illas Atlánticas (José Antonio Fernández Bouzas), concelleiros da Corporación, o cura párroco Cesáreo Canabal; o comendante do EVA 10 (José María Gómez), a filla adoptiva de Riveira, Magdalena Bringas; representantes de asociacións, artistas… e incluso familiares dalgúns dos que viviron a traxedia en primeira persoa, como Marisa Peña Cebreiro e a súa tía Maricarmen, filla e neta respectivamente do segundo oficial do Santa Isabel, Luis Cebreiro, quen sobreviviu ao naufraxio pese decidir non subir ao bote salvavidas para non desestabilizalo pola súa gran corpulencia.

Luis Cebreiro
Manuel Ruiz tivo precisamente palabras de recordo para Luis Cebreiro, nome co que –anunciou o rexedor- se identificará a un dos cinco hórreos que acaban de ser restaurados en Sálvora, correspondendo os outros catro ás catro heroínas.

Ruiz Rivas manifestou que a ocasión de celebrar esta exposición “é importante para moita xente, pero especialmente para o pobo de Aguiño” e cualificou a iniciativa de “fito histórico”, comparable á declaración de Riveira como cidade en 1906 ou a conmemoración do Centenario.

Por último, o alcalde felicitou a Pilar Casas e a Elvira Pisos polo traballo realizado e destacou o papel de José María Fernández Pazos, quen co seu libro sobre o Santa Isabel “soubo transmitirnos a necesidade de recordar a nosa historia”, tal e como estamos facendo dende este Concello ao revitalizar tradicións como a procesión marítima ou homenaxeando ás nosas redeiras.

Tras a rolda de intervencións chegaba o momento de ver a mostra, na que se exhiben máis dun centenar de pezas relacionadas co barco e coas heroínas de Sálvora. Entre elas, algunhas tan destacadas como o cadro que sobre o naufraxio pintou José Seijo Rubio en 1921 (procedeu expresamente de Arxentina para a exposición), o semicasco orixinal do buque; cubertería e vaixela que ían a bordo; a medalla de prata que a Cámara de Comercio de Pontevedra lle concedeu en 1922 a Josefa Parada, unha das heroínas de Sálvora; ferramentas de construción empregadas polos carpinteros de ribeira; planos; xornais da época; catro maquetas e ata a réplica dun camarote de luxo con mobiliario orixinal.

Da boa aceptación da experiencia dá conta o propio libro de visitas, que se foi enchendo de eloxios a medida que os asistentes se animaban a expresar as súas opinións.

Por último, cómpre informar de que Manuel Ruiz Rivas explicou que a exposición estará aberta no Auditorio alomenos seis ou sete meses e que despois é intención do Concello que esta quede albergada de por vida na illa de Sálvora, ben no pazo ou ben nalgunha das vivendas da aldea.